INTERIOR, EXTERIOR, DURANTE Teaser 1

A cineasta Xisela Franco (Vigo, 1978) pertence á nova xeración de creadoras que experimentan de xeito libre, diverso e sen prexuízos as metamorfoses do cinema, indagando na intersección cinema-arte contemporánea. Nesta a súa primeira exposición individual, convida ao público do museo a ser espectador de cine, a contemplar o tempo desde a temporalidade propia, a través dunha proxección en tríptico de oito horas de duración, con planos de cámara estática sobre unha paisaxe costeira.

«Interior, exterior, durante» é un proxecto fundamental na busca emprendida por Xisela Franco para situarse nas marxes dos procesos creativos e expositivos que acompañan ao cinema e á arte, a través dunha cuestión tan complexa como é o tratamento e representación do tempo. Unha viaxe emocional e poética a través de interferencias persoais e creativas, que documentan simultaneamente a contorna interior e exterior da artista: modos de estar no mundo, lugar e acción na problemática da vida.